domingo, 23 de febrero de 2020

Presentación Equipo Ciclista Froiz

Por terceiro ano consecutivo, os nosos nenos e nenas dos cursos de 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, acompañados polos seus mestres e mestras, asistimos á presentación do Equipo Ciclista Froiz que se levou a cabo na avda. Montero Ríos, diante do Palacete da Diputación Provincial.

Durante case unha hora e media, os rapaces e rapazas viron chegar a cada un dos corredores do equipo, que foron entrando na líña de Meta instalada para a inauguración desta tempada; escoitaron ás autoridades políticas que asistiron e recibiron unha clase maxistral do padriño do acto, Manolo Saiz, alma máter e impulsor do ciclismo neste país, sendo durante moitas tempadas o director dos equipos ciclistas Once e Liberty Seguros. Ademáis, puidemos falar co gañador do Tour de Francia Óscar Pereiro.

Así mesmo, tamén charlamos durante uns minutos coa nosa antiga alumna Ana Portela, hoxe reincorporada ó organigrama do staff técnico do equipo como nutricionista e xefa do departamento de comunicación, logo do seu paso polo ciclismo profesional.

Como remate da xornada, o alumnado levou para casa unha camiseta do equipo Froiz, ademáis duns aplaudidores que usaron durante todo o acto sen descanso.

Moitas gracias ó Equipo Ciclista Froiz, con Evaristo Portela á cabeza, por esta nova invitación, e moita sorte para esta tempada que comeza.