domingo, 8 de marzo de 2020

Xornada Intercentros

Este último venres, 6 de marzo, asistimos á primeira xornada intercentros co alumnado de 6º de primaria ó colexio CEIP San Benito de Lérez, onde o pasamos moi ben tanto os nenos e nenas participantes, coma os mestres acompañantes.

Nesta sesión comezamos co deporte do floorball (unha adaptación recreativa do hóckey), onde en equipos de 7 ou 8 compañeiros fomos facendo partidiños en forma de liga, ata conseguir xogar un todos contra todos. A continuación, xogamos ó deporte do kickball (unha adaptación do béisbol, pero pateando a pelota co pé), en equipos de 11 ou 12 compañeiros/as.
Chegado este momento, fixemos unha paradiña para merendar, onde a mestra do CEIP San Benito, Chus, convidounos a froita (mazás, plátanos e mandarinas), que estaban boísimas, puidendo repetir as veces que cada un quixo.
Logo deste refrixerio, continuamos co deporte da pelota canadiense (unha unión do atletismo e o balonmán), por equipos de 11 ou 12 xogadores onde un equipo atacaba e outro defendía de cada vez. Por último, para rematar, fixemos o deporte do datchball (variante do brilé), outra vez en equipos de 11 ou 12 compañeiros. Xogo moi rápido onde todos/as debemos estar moi atentos porque tan rápido quedas eliminado, como ó pouco, volves xogar.

Como podedes ver, son deportes adaptados e acondicionados para que poidamos xogar todos e todas sen ningún problema, porque o obxectivo último é xogar e pasalo moi ben.

Os equipos, fixémolos mixtos tanto de rapaces e rapazas, coma de nenos/as dos dous colexios, fomentando a inclusión e integración de todos os participantes.

A experiencia foi maravillosa quedando todos e todas plenamente satisfeitos e incluso, con ganas de máis.

A próxima xornada de intercentros será a semana do 20 o 24 de abril co alumnado de 5º de primaria, onde faremos estes deportes e incluiremos algún novo, sempre que nos dea tempo.