Ola! Que tal? Como ides? Aquí vos deixo unha sesión de xogos tradicionais para que podades xogar en familia, compartindo entre pais-avós-fillos-etc. e fillos-pais-avós-etc. e intercambiar opinións ó respecto, porque son xogos de "toda a vida" e que todos xogamos algunha vez, adaptando as normas a cada lugar e xeneración. Preguntádelle os vosos maiores como xogaban eles de pequenos.
Sabedes que no cole, sempre facemos dúas épocas ó ano deste tipo de xogos, unha no periodo do magosto e outro, ó final de curso, así que creo que é un bo momento para practicar agora. Vos fai?
*
PELOUROS (TABAS, CHUCA): Ten moitos nomes. Eu chámolle pelouros porque eran pelouros o que
empregábamos para xogar. Pode xogar unha persoa soa, pero é máis divertido
competir con alguén. Podes xogar con cantos pelouros queiras, 5, 7, un número
impar, ou todos os que che collan na man.
O xogo consiste en coller os pelouros no aire
sen que che caian ao chan, seguindo unhas normas.
1.- O xogador que comeza colle todos os
pelouros na palma dunha man. Tíraos ao aire (non moi alto) e dálle a volta á
man, tentando coller no dorso, a lo menos, un pelouro, senón, perdes.
2.- Ese ou eses pelouros os lanzas ao aire de
novo e os volves coller coa mesma man. Se non os colles perdes, e se colles un
número IMPAR deles, tamén perdes.
3.- Un pelouro deses que tes na man, o lanzas
de novo ao aire, e coa mesma man tes que ir recollendo os que tes no chan,
podes ir de un en un, ou de dous en dous, depende da túa pericia, de modo que
non che quede ningún no chan. OLLO: non te poden quedar tres pelouros no chan
para o final, senón, perdes.
Neste enlace tes un exemplo de como se lanzan
os pelouros.
Tenta xogar cunha man e tamén coa outra; cos
ollos pechados, cun ollo aberto e outro pechado; sentado no chan, de xeonllos
ou agochado.
· * AS CHAPAS: Poderemos xogar as chapas por toda a casa, podemos facer
carreiras, delimitar un circuíto con obstáculos, facelo en folios de papel
pegados ao chan con curvas, xiros, pasando por debaixo das mesas....o que a
vosa imaxinación vos deixe!
· * SALTAR Á CORDA: Tedes unha corda na casa?
Saltar á Comba é un exercicio moi completo e unha coordinación que require
moita destreza. Ten coidado onde saltas, separa calquera obstáculo que poida
haber arredor de ti e.... A XOGAR!!!!
Algúns exercicios que podedes facer son:
- Saltar cos dous pés á vez e no sitio cara
adiante; cara atrás; sen cruzar a corda, cruzando a corda; saltando dúas
persoas á vez cara adiante; dúas persoas á vez cara atrás.
- Saltar con pés alternativos cara adiante e
movéndote...
- Intercalando diferentes tipos de saltos de
xeito continuo...
· * O PELETRE: tes que lanzar unha peza (bola de papel, tapón dunha
garrafa de auga, etc) que caia no cadrado primeiro, logo, saltar a pata coxa ou
apoiando cada pé nun cadrado diferente segundo corresponda.
· * OS BOLOS: Se non temos un xogo de bolos propiamente dito, podemos
facer un empregando botellas de auga pequenas ou grandes, segundo teñamos, cun
pouco de auga para que teñan un pouco de peso, e lanzar unha pelota dende a
distancia que vexamos máis convinte para nós e para o espacio de xogo ou
facemos con papel de xornal unha bola recuberta de cinta de embalar.
· * O TROMPO: Podemos xogar a bailalo no garaxe, patio exterior ou xardín
que teñades. Logo de bailalo, podemos intentar collelo coa man, collelo coa
corda e volver a lanzalo, e todo o que se vos ocorra.
· * CARREIRA DE SACOS: Todos sabemos como vai, pero en caso de
non ter sacos na casa, podemos atalos pes cunha corda, e xa podemos facer a
carreira!!!
· * A RÁ: Trátase
de meter unha chapa nun oco, e cada oco ten un valor. A chapa, podémola facer
con dous tapóns de botellas de auga enchidos con plastilina e pechados con celo
e os ocos, podemos facelos con vasos de plástico pegados o chan con celo de
dobre cara, e cada vaso ten un valor segundo a distancia dende o punto de
lanzamento.
· * SOGATIRA: Adaptamos o xogo, colocándonos un compañeiro en fronte do
outro, collemos as monecas do compañeiro mutuamente, e a voz de xa!, cada un
tira para o seu campo sen soltalas mans nunca, para evitar caernos.
· * AS CANICAS: Apto para os que teñan terreo, podemos xogar o burato, ver
quen chega antes a liña de meta con menos toques, etc.
A
POÑERSE EN FORMA!!!